Contorna única

Nunha localización privilexiada

A contorna da casa A QUINTELA caracterízase por ser unha paisaxe rural, tranquila e acougada, de vales verdes e vellas montañas suaves, con multitude de regatos tributarios dos ríos Lérez e Umia. Nesta contorna, o viaxeiro combate sabiamente os trafegos da vida acelerada e traumática das contornas urbanas, coa tranquilidade que transmite unha vida sen sobresaltos e sen brusquidades. Existen varios lugares de interese para o turista

MOSTEIRO DE ACIVEIRO

Se existe un fito aglutinador e creador de vida nos eidos social, cultural e económico na Terra de Montes ó longo de sete séculos, ese é o mosteiro de Aciveiro, verdadeira xoia do románico serodio, xerador dos máis diversos oficios artesáns e matriz dun Colexio de Teoloxía Moral.

Na inscrición que hoxe podemos ler na parede sur do templo cenobial (non era esa a súa orixinal localización) testemúñase a data da súa fundación: “Era millesima centesima septuagesima terza quarto nonas Februarii factum est. In primo duodecim fratres venerunt in hoc tolo nobilisimo ipse tenens centum sex monachi sub regula Santi Benedicti” que, vertida ao castelán, di: Era de 1173: no ano 1135 fíxose (o mosteiro) o 2 de febreiro. Nun principio chegaron a este nobilísimo lugar doce irmáns. Ten 106 monxes baixo a regra de San Benito.

O conxunto, que desde ano 2000 inclúe na á este unha Pousada de Turismo Rural, non data na súa totalidade do século XII. De planta basilical, o templo é o único que resta da primixenia arquitectura románica, salvo a fachada, que sería erguida no século XVIII no estilo barroco popular que practicaban naquel momento os nosos mestres canteiros e que remata nun piñón con cruz. Sobre a austera portada, que contou ata a primeira metade de século XX cun soportal, érguese un frontón triangular con pináculos nos extremos, coroado por unha figura da Virxe sobre a que se abre unha xanela arqueada. Esta sobriedade vese apoiada por outras dúas solitarias xanelas cadradas que serven para dar luz ás naves laterais. Sobre a fachada elévase un campanario espadañado con dous corpos, o inferior, que alberga as campás baixo senllos arcos peraltados, e o superior, cun só arco similar aos dous inferiores.

O interior reflicte con total fidelidade a escola compostelá, á que imita nos alicerces, na distribución das naves e mesmo no triforio, que aquí, pola ausencia de tribuna, é meramente ornamental, caso que se dá en rarísimas ocasións na tipoloxía cisterciense galega (só comparte esa característica distintiva con outros dous exemplos: Santa Mariña de Augasantas e Santa María de Xunqueira de Ambía, ambas do románico ourensán). Os capiteis son variadísimos e de labra admirable. As naves carecen de bóveda, e o armazón do teitume, de madeira, apóiase sobre o falso triforio. Pódense contemplar no interior, ademais das distintas capelas, dous sepulcros de pedra que, segundo os distintos expertos, atribuiríanse a don Pedro Martínez, da Casa de Sotomayor, a San Gonzalo das Penas ou ao primeiro abade, posiblemente chegado de Claraval, de nome Pedro.

Un anterior retablo, construído no século XIV, foi reemprazado polo actual, con tres corpos de recargada decoración, que se atribúe a Miguel de Romay, autor tamén do retablo de San Martiño Pinario.

Cobren as capelas interiores ben traballadas bóvedas, a central de intrincada nervadura e con fermosos rosetóns nos cruces. Pero onde a estética acada maiores cotas é na vista exterior da ábsida, onde se erguen dous corpos semicirculares ós lados e o central hexagonal, coma na igrexa coruñesa de Santiago de Mens. Os laterais teñen dous óculos e dúas fiestras, e o central desprega elegantes arcos de medio punto, tres cegos, coroados todos con moldura xadrezada. Sostéñenos lanzais columniñas cilíndricas rematadas en finos capiteis de labra prodixiosa. A cornixa ofrece uns orixinais modillóns decorados con taqueado xaqués. Todo o conxunto absidial está creado no estilo románico-bizantino propio da época.

No lado que dá ó norte, é digna de admiración polo seu traballo unha porta tapiada desde hai moitos anos, con ornamentación nas tres faixas que a compoñen (alternando motivos xadrezados, rosetóns e óvalos encadeados), apoiadas en toscas xambas, unha delas salomónica, e con capiteis un tanto arcaicos se os comparamos con outros dos que se poden admirar no interior.

O recinto cenobial, coa estructura totalmente fiel ás pautas cistercienses (en torno a un claustro distribúense as distintas dependencias: cociña, refectorio, scriptorium, sala capitular, celdas dos monxes, corte dos cabalos ), foi rehabilitado na súa integridade, dando cabida actualmente a unha Hospedería Rural das máis notables de Galicia.

Outros atractivos da Zona

Lagoa Sacra: Na parroquia de Meavía, a máis setentrional do municipio, atópase esta pequena lagoa de montaña, nunha área de interese ambiental (xunto ás veciñas Brañas de Xestoso, conforma unha área integrada na rede Natura). Sobre ela escribiron, entre outros, o polígrafo Fermín Bouza Brey e Antonio Rodríguez Fraiz. Só conserva auga na época invernal.

Rutas de Senderismo “Pontes do Lérez” y “Ruta do Candán", que se desenvolven nun capítulo aparte.

Circuito de Karting de Madanela: Inaugurado no ano 2007, sitúase a menos dun quilómetro de Soutelo de Montes, e dispón dun circuíto próximo ós dous quilómetros, con bancadas e cercado. É un dos maiores atractivos da zona.

Observatorio Astronómico da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura: Inaugurado no ano 2008 e construído con fondos do programa Leader+, é un proxecto da fundación “ Ceo, Ciencia e Cultura” (da que forman parte a Universidade de Vigo, O Concello de Forcarei, a Deputación Provincial de Pontevedra e Caixanova) para estimular as actividades dos astrónomos afeccionados da provincia. As súas instalacións están abertas sobre todo para colectivos, como colexios ou asociacións culturais e xuvenís. Ten un programa de visita guiada con expertos da fundación, especialmente en oportunidades como eclipses ou choivas de estrelas.

Máis información en: observatorioforcarei.es

Festa da Carne Richada: O primeiro domingo de decembro celébrase en Forcarei o día de exaltación deste prato típico da zona, nunha carpa onde se degusta a richada, tamén complementada con actividades de tipo cultural.

Festa do Gaiteiro: A mediados de Agosto celébrase en Soutelo de Montes unha xornada de recordo da figura de Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, con certame de solistas e actuacións do mundo do folclore. É xa toda unha referencia clásica no mundo da música tradicional galega.

Festa da Virxe das Dolores: Celébrase en Forcarei, capital do municipio o último domingo de agosto. Son as festas máis grandes e participativas de toda a comarca, con gran concorrencia de público de concellos limítrofes e unha notable calidade nas súas verbenas.

Romaría campestre de Aciveiro: Celébrase ó pé do mosteiro de Aciveiro, o día 8 de setembro. Ten unha tradición de comida campestre que vén de moi lonxe.

Festa do Cogumelo: En Soutelo de Montes, no outono, celébrase esta festa gastronómica en torno ó mundo dos cogomelos e as súas distintas variedades culinarias.

Feira-Mercado de Forcarei: Celébrase todos os días 5 de cada mes na praza da Igrexa.